Espeteiras comunais na area: tempos para compartir
2025
Espeteiras comunais na area: tempos para compartir é un proxecto que busca reactivar o imaxinario do común na cultura galega a través da creación de espeteiras comunais nas praias do litoral de Costa da Morte. Inspiradas nas antigas espeteiras das cociñas rurais —mobles modestos para gardar utensilios— estas estruturas de madeira contarán con obxectos de xogo elaborados artesanalmente con materiais naturais fronte ao exceso do plástico e promoverán o uso compartido, o coidado mutuo.
Trátase dunha intervención sinxela, pero cargada de intención: recuperar tempos para compartir dende a tradición, reactivando formas de relación e aprendizaxe colectiva no presente.
O proxecto implica, desde a súa concepción, a persoas con discapacidade como co-produtoras activas, integrando os seus saberes e tempos no proceso de deseño e construción. Esta colaboración busca tamén axudar a situar a estas persoas como axentes culturais, brindando outras formas de facer e de estar xuntas.
Implicados no proxecto atopamos a complicidade dos concellos de Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra. Nas súas praias poderás atopar unha Espeteira Comunal en Boca do Río, Ézaro, Quenxe, Estorde e Sardiñeiro
Espeteiras comunais articula inclusión, memoria e sustentabilidade como eixos para repensar a vida común e os vínculos comunitarios no espazo público, abrindo posibilidades desexables de transformación social a través da cultura.
*Espeteiras Comunais desenvólvese co apoio da Deputación da Coruña galardonado no I Certame “Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025” a través da súa liña a Cultura é un Dereito
Podes atopar máis detalles sobre o proxecto aqui
























