top of page
#EspeteirasComunais

O proxecto

Espeteiras comunais na area: tempos para compartir é un proxecto de acción cultural que conxuga a recuperación e posta en valor das formas propias da cultura e identidade tradicional, neste caso a galega, e as prácticas comunitarias de coidado sobre os bens, co fin de ensanchar a conciencia medioambiental e social sobre que consumimos e como o facemos.

 

O proxecto pon no centro e traballa a partir do xogo libre nas praias do litoral da Costa da Morte, interpelando á infancia en primeiro plano, para chegar tamén ás súas familias, tanto á poboación propia dos lugares onde se desenvolve o proxecto como ás persoas visitantes ocasionais e turistas.

 

O proxecto incorpora como axentes coproductores a persoas con discapacidade intelectual vinculadas á Asociación ASPADEX, promovendo o seu protagonismo social e creativo dentro dunha proposta que pretende xerar cambios de sensibilidade fronte aos múltiples desafíos contemporáneos. Por outro lado, búscase a implicación dos concellos da Costa da Morte que son receptores do proxecto nas súas praias, considerando que o desenvolvemento do mesmo pode ser unha oportunidade para coparticipar e reforzar desde o público a promoción dos principios que se defenden.

Ubicacións

Pódense atopar nas seguintes praias:

 

       Boca do Río, Carnota.
       Ézaro, 
Dumbría.
       Quenxe, Corcubión.
       Estorde, Cee.
       Sardiñeiro, Fisterra.

Con quenes

Con quenes É unha iniciativa da Cooperativa Azul mais Verde que desenvolve proxectos culturais vinculados as comunidades e aos seus contextos. Neste caso colaboramos coa Asociación ASPADEX para o desenvolvemento do mesmo. ASPADEX é unha entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro que se adica a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a das súas familias. Así pois tratamos de conseguer a mellora social a través da acción cultural. Rescatamos a cultura propia á vez que invitamos a unha corresponsabilidade e compromiso co entorno e coas persoas. 

 

Hai unha rede de cinco concellos de Costa da Morte implicados no proxecto como facilitadores e amplificadores. Estes son o Concello de Carnota, Dumbría, Cee, Corcubión e Fisterra. Á vez o proxecto foi premiado pola Deputación da Coruña no I Certame de proxectos singulares para a mellora social 2025

As espeteiras

Xa vos contamos que a espeteira é un moble tradicional das casas rurais, especialmente do sur de Galicia. Adoitaba estar próximo á lareira e nel penduraban os utensilos necesarios para cociñar. O deseño e reformulación da espeteira como moble para uso nas praias e no que penduran neste caso utensilios de xogo é do artesán Frank Buschmann. 

Está feita con madeira de piñeiro do pais cun tinte roxo co que recuperamos unha receita tradicional a base de óxido,de ferro, cola de coello, fariña, xabón e linaza,  tamén coñecida como almagre. Na sección de destacados, máis abaixo podes atopar todos os detalles

 

 

                  Aquí deixamos algunhas imaxes do proceso de realización

Os xogos

A elección dos xogos tenta tamén facer un rescate das ferramentas de traballo propios da cultura tradicional. Isto vese especialmente no raño e na pá que son arquetipos. Podemos velos no traballo de labranza coa terra e do marisqueo no mar. Tamén podemos relacionar estas formas coas pas para recoller a fariña de millo nos muiños. O recipente para a auga é unha calabaza, coñecida polo uso que lle deron os camiñantes e peregrinos. En tódolos casos os xogos estan feitos con materiais naturais e biodegradables para recuperar os vínculos, non so coa tradición e os recursos naturais, senon cunha conciencia a favor do coidado do medioambente.

 

O prototipado dos utensilios de xogo foi elaborado por Frank Buschmann e a producción é unha colaboración cunha equipa de taller formada por persoas con discapacidade intelectual que son usuarios/as dos servicios de atención da asociación ASPADEX. Para adaptar os procesos de producción ás capacidades da equipa elixíronse tarefas específicas e deseñáronse aparatos de facilitación dos procesos. 

                  Aquí deixamos algunhas imaxes do proceso de realización

Mediación e dinamización 

Este proxecto non só recupera a tradición e lembra as formas comunitarias de vida en Galicia para destacar a súa relevancia. Non só activa unha consciencia de coidado e compromiso co medioambente. Á vez, quere accionar estéticas e formas para a integración social. Porén interésanos que a equipa de persoas con discapacidade intelectual cooperen na mediación e visibilización do proxecto. Saian e formen parte dos distintos procesos de visivilización e transmisión do proxecto. Tamén do proceso de mediación do mesmo. Próximamente impartiremos algúns obradoiros nos distintos programas de lecer dos concellos para trasladarlle á cativada todos os detalles deste proxecto. Nesta sección iremos deixando documentación de como isto vai acontecendo

                 Aquí deixamos algunhas imaxes

Destacamos

A cor da espeteira: recuperación do uso do almagre

Queremos contarvos a elección que fixemos para pintar e protexer as Espeteiras Comunais deste proxecto. Escollimos recuperar un dos modos máis populares que houbo no ámbito rural: a pintura ao óxido de ferro, tamén coñecida como almagre.


Un modo de protexer e tintar que emprega ingredientes naturais e resulta máis respectuoso co medio ambiente que as pinturas industriais.


O almagre tivo usos tradicionais sobre todo na construción e na agricultura, e tamén na artesanía e na arte. Empregábase para protexer a madeira e o ferro da corrosión e para dar cor a muros, fachadas e elementos decorativos de casas e construcións rurais. Tamén se usaba para protexer os apeiros de labranza e decorar a cerámica popular.


Seguro que vos soa vela nas portas de madeira dos hórreos ou nas carpintarías das fiestras das casas.


Aquí  podes descargar a receita que nós rescatamos e testamos para este proxecto, xunto co modo de fabricala.

Inauguramos

 

Espeteiras-comunais-Azul-mais-Verde-costa-da-morte-IMG_20250630_112247.jpg

Xa podedes atopar as Espeteiras Comunais nas praias de Costa da Morte.
Hoxe xuntámonos coa equipa de ASPADEX para pendurar nelas todos os xogos: pas, raños, palas, pelotas e calabazas para a auga.

Comezamos en Boca do Río Carnota e logo fumos ao Ézaro en Dumbría. Mañá espérannos en Quenxe – Corcubión, Estorde – Cee e por último Sardiñeiro en Fisterra. Así quedarán todas listas para o xogo libre no verán.

“Espeteiras Comunais na area: tempos para compartir” é un proxecto que mestura desde a acción cultural a reactivación da memoria popular, o coidado en común e a conciencia social e medioambental. A partir da resignificación dos armarios abertos típicos das cociñas nas casas do rural galego chegamos ata unhas espeteiras que nos sirven para pendurar os xogos do verán nas nosas praias.

Recoñeceralas polo galo azul que xira cando hai vento e pola cor vermella conseguida a partir das antigas receitas a base de óxido de ferro, o almagre. Das espeteiras penduran xogos para uso libre pero en común; cólleos, xoga e lembra devolvelos cando marches da praia. Son xogos feitos tamén con materiais naturais que nos reconectan coa posibilidade doutras estéticas maís aló da do petróleo e o plástico.

As Espeteiras Comunais son de todas e de ninguén. Son un enser fermoso das nosas praias e para que permanezan tes que tratalas con respeto

bottom of page