Maria Bella Piñeiro
Son investigadora e produtora cultural. Vivo e traballo desde Costa da Morte (Galicia) onde desenvolvo a miña práctica cun forte compromiso polo territorio, a ecoloxía e o social.
A miña traxectoria técese desde unha aproximación situada á arte e a cultura, entendida como ferramenta de pensamento crítico e transformación social. Traballo desde a escoita, o compromiso e a implicación cos contextos que habito, con atención especial ás comunidades, ás súas memorias, ás súas urxencias e ás súas formas de facer.
A miña formación académica inclúe o doutoramento en Curatorial Knowledge pola Goldsmiths University (Londres, 2019), cunha tese sobre o modelo de produción artística colectiva e sinautoral do colectivo Cine sin Autor (Returning Life to Life. The Factory of Cine sin Autor). Tamén son Máster en Fine Art Administration and Curatorship pola mesma universidade (2000) e Licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid (1997), con bolsa Erasmus en Chelsea College of Art and Design (Londres, 1998).
Ao longo da miña carreira transitei entre a institución e a práctica independente, cuestionando os límites entre ambas. En Madrid fun unha das impulsoras e creadoras de Intermediae en Matadero Madrid xunto a Juan Carrete e Frank Buschmann. Coordinei e comisariei o seu programa entre 2005 e 2012, propoñendo modelos experimentais de institucionalidade cultural baseados no proceso, na participación e no colectivo.
Desde 2015 a miña actividade sitúase no medio rural galego, onde o contexto periférico e a escaseza de infraestruturas culturais supoñen un reto que me impulsa a imaxinar novas formas de artellar valor cultural. Esta etapa permitiume afondar en formas de produción curatorial que exploran os "arredores" como lugar fértil para pensar e facer.
Formei parte de proxectos como os Encontros de Filosofía para Veraneantes, ou o primeiro Festival das Artes de Costa da Morte o Festival Artenauta en Corcubión. Son parte da equipa de traballo da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra activadora da memoria do movemento Nunca Máis e escribín regularmente no medio dixital Que Pasa na Costa cunha ollada crítica, poética e situada. En 2023 e xunto a Frank Buschmann, fundamos a Cooperativa Galega Azul mais Verde da que somos socias traballadoras.
A miña práctica volcouse tamén cara á defensa do monte galego e á recuperación da identidade e da cultura popular, a través de proxectos como Terra Creativa (2023-24) e Un monte, todos os montes (2025–26), impulsados desde a cooperativa Azul máis Verde co apoio da Fundación Daniel y Nina Carasso. Entre 2023 e 2025 exercín como concelleira de Cultura, Benestar, Igualdade e Muller no Concello de Corcubión.
A miña investigación foi presentada en congresos internacionais organizados por institucións como o Museo Van Abbe (Eindhoven), a Universidade de Copenhague, a Academia de Belas Artes de Viena, o Museo Reina Sofía ou o Congreso Internacional Prekariart da UPV. Teño publicado artigos en revistas académicas como Sin Objeto, Accesos ou Prekari>art, así como en prensa local e medios independentes.
Como comisaria, desenvolvín proxectos site-specific como Itinerarios del Sonido. 14 artistas escuchan Madrid (2004–05), xunto con Miguel Álvarez Fernández, ou Mientrastanto (2003) no Cento cultural Conde Duque. En Galicia, comisariei exposicións como Un Nunca Máis contado polas fillas de Man (Museo Man de Camelle, 2019), Tapices da Memoria (Fisterra, 2021) e Glosario Colectivo do Nunca Máis (2022). Acompañei a Germán Labrador Méndez no comisariado das exposicións Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galicia do Prestige (2023) e Ollos de Vidro: As formas doutra historia de Galicia (2025), ambas no Auditorio de Galicia en Compostela.
Ao longo da miña traxectoria abordei temas como a memoria, a precariedade, a ecoloxía, a cultura popular, os feminismos, a desmaterialización da arte e as aprendizaxes emancipadoras. A miña práctica curatorial e pedagóxica sostense na necesidade de xerar relatos alternativos, de validar o menor, de dar forma ao común. Interésame o comunitario, o procesual, o situado e o experimental. Creo nas formas como construción de realidade, na imaxinación política e na cultura como espazo de posibilidade