top of page
Frank Buschmann

Formado como deseñador industrial e ebanista. De orixe alemá, actualmente vive en Galicia. Pasou a súa infancia en Sudáfrica e Nixeria, a adolescencia e formación en Alemaña, onde estudou ebanistaría na Escola de Artesanía de Karlsruhe. Nos Países Baixos estudou Deseño Industrial na Academia de Deseño de Eindhoven, onde posteriormente impartiu docencia no máster "Man and Humanity".

Frank sostén que o dominio dun oficio achega ferramentas exemplares para a sustentabilidade do futuro. Ser mestre dun oficio non se reduce á virtuosidade no manexo de certas técnicas, senón que implica tamén un longo proceso de aprendizaxe para recoñecer e cultivar actitudes e valores específicos. Con este enfoque, Frank procura recuperar e manter o coñecemento e a práctica non só das técnicas e procesos tradicionais da ebanistaría, senón tamén dos seus valores: paciencia, intuición e procura da perfección. A xestión virtuosa das técnicas implica tamén aprender valores e actitudes, e todos eles, segundo el, son ferramentas universais necesarias para facer fronte á complexidade do futuro.

Profesionalmente, iniciou a súa carreira na produción ligada ao deseño industrial, traballando con Job Smeets, Hugo Timmermans e Piet Hein Eek. Máis tarde especializouse, a través do seu propio estudo, 24hliving, no deseño de exposicións e espazos, desenvolvendo propostas, entre outros, para Lille Capital Europea da Cultura, os European Design Awards e a Academia de Deseño de Eindhoven. Deseñou e produciu eventos, galas, servizos de catering e exposicións para clientes privados e institucionais nos Países Baixos, Francia, España e Xapón.

Entre 2004 e 2012 formou parte do equipo fundador de Intermediae Creación Contemporánea en Matadero Madrid, xunto a Juan Carrete e María Bella, onde exerceu a dirección artística ata 2012.

No ano 2011 fundou Wudthing.eu para lanzar unha serie de mobles de produción industrial "low-cost". Desde 2012 dedícase á recuperación do oficio tradicional da ebanistaría. Abriu o seu propio obradoiro en 2011, primeiro en Madrid e posteriormente trasladouse a Corcubión (Galicia).

En 2019 recibiu o Premio da Fundación Artesanía de Galicia polo proxecto Monas. En 2020 foi galardoado co Premio Antonio Fraguas Fraguas da Deputación da Coruña pola cadeira Samba de una sola nota. Buschmann desenvolveu e produciu unha ampla variedade de traballos, colaborou con artistas e deseñadores, realizou reproducións como obxectos de estudo, deseños propios e pezas específicas por encarga de clientes tanto privados como públicos. Mención especial merece a súa produción artesanal dos renovados confesionarios da Catedral de Santiago en colaboración cos arquitectos Luis Gil Pita e Cristina Nieto, ou a nova mesa de plenos do Concello de Corcubión.

Buschmann compartiu e deu a coñecer a súa aproximación e traballo a través de exposicións como a mostra colectiva Da árbore á cadeira (2017) na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, ou exposicións individuais como Made of Stars na Fundación na Galeria  RAC de Pontevedra (2020) e na Galería Álvaro de Alcázar en Madrid (2021), con quen tamén presentou o seu traballo en varias edicións de ARCO Madrid.

 

En 2023 iniciou xunto con María Bella o proxecto cooperativo Azul máis Verde, do que é socio traballador e desde o que fai converxer a súa dilatada experiencia tanto na xestión e produción cultural como no deseño de produto e de conceptos.

Produciu o documental Un traballo feliz xunto ao creador audiovisual Juan Alarcón, para mostrar o proceso de traballo tradicional no oficio da ebanistaría.

No ámbito da formación e da educación, Buschmann compartiu o seu coñecemento e experiencia no contexto da artesanía e do deseño a través de obradoiros e conferencias en universidades como a ETSAM (Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid), a ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) ou o Instituto CA (Instituto de Arquitectura de Compostela), así como en centros de formación en Artes e Oficios como o CIFP Someso (A Coruña), a EASD (Ourense) e a Fundación Laboral de Santiago de Compostela. Foi docente no programa de máster Man and Humanity na Design Academy de Eindhoven e no IED de Madrid.

web: frankbuschmann.com

Instagram: @frankbuschmannbella

bottom of page