top of page
Ollos de vidro: As formas doutra historia de Galicia
2025

Ollos de Vidro: As formas doutra historia de Galicia

Exposición Auditorio de Galicia

28 de xaneiro ao 25 de maio de 2025


En 1922 Castelao publicou na editorial Céltiga unha obra de espírito teatral e

carácter humorístico que falaba das relacións entre os mortos e os vivos na cultura

galega. Era O ollo de vidro, un conto sobre a perspectiva, sobre a posibilidade de

habitar a vida desde a conciencia, contemplando a historia política contemporánea

en directo e cruzando, con elegancia, a liña entre a ficción e a realidade, entre o

rural e o urbano, entre a poética e a política. No conto, unha prótese ocular de

cristal –daquela unha rechamante novidade comercial– permitía maxicamente que

vivos e mortos se mirasen. Así, artistas e literatos, figurativamente, viraban tamén

eles «fabricantes de ollos».


Para elaborar o seu ollo, Castelao mestura tradición e vangarda. Remexe, dunha

beira, lendas de mouros e de choscos, dos poderes das figas e das malas olladas. E

pensa nas ánimas, pois o ollo de vidro fai ver os aparecidos e a noite fosforescente,

aquela «moitedume de luciñas e vagalumes» que forma a Vía Láctea democrática

que, desde o exilio, representa para Castelao a memoria antifascista. Hai tamén

unha segunda xenealoxía –esta radicalmente moderna– tras do ollo de vidro, que

xorde da electricidade e da óptica, da fotografía e do cinematógrafo, das novas

tecnoloxías do invisible e da descuberta dos raios-X. Os «raios enigma» chegan

axiña a Galicia, xa en 1897, entre a expectación popular. Traen a promesa de

penetrar nos segredos da natureza até tornala transparente. Baixo a súa luz, a

materia devén espectro, estrutura, pantasma. Os nosos esqueletos nunha

radiografía xuntan a conciencia da vida coa da morte. Sobre todo cando bailan, pois

–di Castelao– é cando máis parvos parecen. Retomábase con ironía a figura da

«danza macabra», aquela muiñeira de osamentas que celebra grotescamente a

vida en asemblea. Dela provén a imaxe principal da exposición.


Na súa viaxe por Europa, en 1921, Castelao sofisticara a súa técnica de gravado en

linóleo. Aprendera a pintar os corpos enfrontando as sombras contra as luces. Dos

seus cadros de cegos definiu un ollo estraño, capaz de extraer as tebras invisibles

baixo a luz máis moderna. Nas escuridades dos seus traballos elabórase a pregunta

polos custes da riqueza, pola fraxilidade do mundo comunitario, polas as violencias

que se agachan nos feitos e as resistencias que se atopan na linguaxe. Nestes

oficios de tebras hai saberes moitos en danza. No seu diálogo entre o visible e o

invisible, entre a tradición e a vangarda, os ollos de vidro fálannos da posibilidade

de recoñecer na comuñón cos ausentes a nosa propia estrañeza ou, na súa

semellanza, o noso propio misterio, nese entroido no que as formas loitan polo seu

regreso, agarrándose como poden na materia.


Partindo de dispositivos singulares que, como o ollo de vidro, miran e fan ver as

cousas coñecidas desde un lugar inédito, nesta exposición imaxinamos unha viaxe

imprevista por experiencias colectivas na Galicia dos últimos cento e cincuenta

anos. Partimos da máxima de que toda historia que se pregunte polos mundos que

foron borrados precisa dun reconto alternativo das formas que os amosen. E así,

apoiados nalgúns casos de estudo e dispositivos moi concretos, faremos un

percorrido por formas e prácticas culturais coas que abrir, desde abaixo, a

imaxinación histórica. Este organízase a través de cinco episodios distintos:

primeiro, a construción transatlántica do capitalismo en Galicia desde o século XIX;

segundo, o legado utópico da experiencia republicana dos anos trinta, entendida

na súa articulación decisiva co galeguismo; terceiro, a duración do xenocidio

fascista durante e despois da Guerra Civil; en cuarto lugar, a xorda resistencia do

mundo dos vencidos e dos traballadores na posguerra; e, quinto, as rupturas

contraculturais dos anos setenta e a emerxencia de novos laboratorios poéticos

colectivos. Por último, a exposición empeza e conclúe cunha reflexión crítica sobre

a situación da Galicia actual, ante a grave crise ecolóxica e a partir da duración de

estruturas coloniais e extractivas.


Fronte ás ruínas do mundo popular, o continuo reinventar dos seus saberes e

formas afirma aínda hoxe a potencia rexeneradora da súa historia de continuidades

e fragmentos, no seu permanente facer e desfacer. Trátase de convocar esta

conciencia, e ese devir, propios dun tempo cíclico, contra a historia en maiúsculas.

Para mediar a irrupción formal do mundo vello no tempo do capital, entre os

dispositivos fundamentais desta exposición atoparemos máscaras e fetiches,

trazos e inscricións, imaxes e paisaxes, collages e refeitos. Estes xeitos, a través

dalgún cento de dispositivos, ofrecen unha poderosa gramática cultural de

resistencias aínda operativas, convocadas por unha extensa selección de artistas,

traballos, formatos e rexistros, todos eles capaces de ver, e de facer ver, o ausente

no que está presente, e o que hai no que xa non hai. E este foi tamén, dun xeito

moi especial, o caso dos proxectos comisionados de Xoán Xil e do colectivo Nova

Escultura Galega, formulando desde as súas propias linguaxes uns ollos que nos

miren e que nos deixen ver.


bottom of page