top of page

O que abre un Parlamento das Cousas




O venres 15 de marzo celebramos un Parlamento das Cousas das vidas e das xentes. Ao Círculo de Comunidade achegámonos representantes da alianza de Terra Creativa, o grupo ACHEGA, un grupo de alumnes da facultade de socioloxía da UdC, o artista Diego Vites xunto a veciños e veciñas de Corcubión.


O grupo ACHEGA (Elvira Santiago, Carlos Diz, Jose A. Cortés) tiñan preparada xunto aos alumnes a metodoloxía para levar á práctiva un parlamento no que falaríamos do pasado-presente-futuro do monte a través dos obxectos.




O parlamento abriú o valor do monte para a comunidade nun exercicio colectivo de fala e escoita.

Incorporamos aquí algunhas reflexións e relatos da experiencia de aqueles que fumos e tomamos parte deste parlamento:

>> Quédome co que alguén dixo no parlamento, non recordo quen pero serve para sintetizar tódalas perspectivas que alí se compartiron. "O monte é enerxía"

Para os maiores foi enerxía que quentaba os fogares e preparaba os alimentos, foi tamén cama para o gando e estrume para as hortas. Toda enerxía é transformada.


“Esta leña quenta dúas veces” dicíame un veciño mentres fendía troncos para queimalos no inverno. Traballo, moito traballo non sempre agradecido, e así se veu nas ferramentas que trouxeron como obxetos para falar do monte, un monte que precisa de coidados, recibir e dar.


O mundo mudou e con el o monte, a seguinte xeración xa non o percibe como lugar de traballo, transformouse (para eles) en lugar de xogo, de aventuras imaxinadas, de casetas e acampadas. Falan con nostalxia a través de arcos e flechas, coitelos, chourizos e esterillas. Enerxía vital e unha experiencia as voltas case mística. Queda por ver que acontece cos mais novos… (Diego Vites - Artista)

>> A dinámica "O parlamento das cousas" serviu de alicerce, de sustento á nosa comunidade BDS, unha comunidade que foi definida como ecosocial dende a súa fundación. E foi así porque dende a comunicación e partillamento mútuo, transxeracional, apuntalouse a idea de vínculo comunitario acompañados do respecto ao medio.


Escoitarse foi tamén escoitar o monte. Un monte poliédrico, fonte de recurso, camiño iniciático, patria de infancia. Pero un monte, ás veces bosque, ás veces non, que fala diferentes linguas.


O monte, e creo que quedou claro na dinámica, foi testemuña directa da transformación sufrida no territorio nas últimas décadas. Testemuña viva do paso da sociedade rural á sociedade semiurbana. Esa escena definitoria da sociedade galega. Esa que representa a un rapaz que xoga no monte pegado aos edificios (Serxio Iglesias-Boca de Sapo)


>> Participar no Parlamento das Cousas foi unha experiencia estimulante de aprendizaxe e (re)conexión co monte. A pesar da incerteza da experimentación e o temor a que a sesión non resultase atraente ou útil á veciñanza, topámonos cun grupo moi interesado en compartir, onde as memorias, opinións e proxeccións xordían de forma orgánica e respectuosa. Síntome moi agradecida de ter colaborado nun proxecto tan emotivo, creado dende o cariño e a vontade de recordar o pasado, actuar no presente e (re)pensar o futuro conxuntamente." (Paula Varela – Estudante)


>> O Parlamento das Cousas de Monte Cambeiro fixo pública e colectiva unha intimidade veciñal. Cun obxecto, cun xesto, cunha palabra, cunha broma, a veciñanza alí reunida teceu e desvelou unha memoria e un sentir comunais, que non resultaron homoxéneos pero si coidadosos, e por iso mesmo fixeron real a posibilidade dun encontro rico e fermoso. Pensar os futuros do monte e, con el, os futuros da comunidade, non tería sido posible sen a participación alegre e xenerosa de alumnado, veciñas e asociacións. ¡Por fin un Parlamento no que escoitar, máis que falar, fixo posible o intercambio honesto e o pensamento colectivo! (carlos diz - Docente)




>> Ser partícipe no "Parlamento das cousas" permitiume aprender colaborativamente sobre a diversidade de temas que entrama falar do(s) monte(s). Foi marabilloso escoitar como a xente aló reunida debatía de maneira respectuosa sobre aspectos tan interesantes como a creación dunha memoria do monte, as diferencias interxeracionais (pero tamén os significados compartidos) que existen sobre o entorno, así como as incertidumes (tamén partilladas) que existen sobre o seu futuro. Non podo estar máis agradecida tanto do proceso como do resultado final. (Estefanía Tarrio – Estudante)


>> A vivencia do pasado 15 de marzo foi todo un descubrimento para mi que non son dada a natureza, dime de conta de toda unha plétora de sentimentos cara ao monte, de camaraderia, de compromiso e de moito amor ali sentado no parlamento (Inés . Veciña)


>> Sentín o Parlamento das Cousas como un experimento, por varios motivos. Primeiro, por lanzarnos a un territorio, Corcubión, no que non tiñamos experiencia previa de campo. Segundo, por aventurarnos a un deseño metodolóxico novo, en certa medida rompedor, guiados case por unha corazonada e sen garantías de que fóra a funcionar. Terceiro, por aspirar a un proceso radicalmente participativo coa axuda do alumnado. E saíu ben, porque contabamos co tecido e as redes de Boca de Sapo e de Azul mais Verde e co coñecemento de toda unha vida no terreo de Elvira; porque as horas de traballo de reflexión, debate e preparación déronnos seguridade e recursos fronte as moitas continxencias que podían saír e que saíron; e porque contamos cun equipo de estudantes de grao, posgrao e doutoramento que desde o principio fixeron seu o experimento. Longa vida, Parlamento das Cousas! (Jose Antonio Cortes - Docente)


>> Participar en "O Parlamento das cousas" nos permitió salir del aula y ver, aprender, conocer, in situ, otras formas y posibilidades de generar y compartir conocimiento(s). Pensé que no saldría bien porque la participación no iba a ser como esperábamos, no habría casi objetos, e incluso, que los/as asistentes no compartirían sus recuerdos y reinaría el silencio. Sin embargo, el resultado fue todo lo contrario. Gracias a los/as vecinos/as por compartir sus objetos, memorias y vivencias de/en el monte. ¡Espero poder repetir la experiencia y participar en más actividades que realicen allí! (Paula Sánchez - Estudante)





>> Acudín ao Parlamento das Cousas cun pouco de medo a que a actividade non lle resultase interesante á veciñanza. Pola contra, o que alí aconteceu superou todas as miñas expectativas. Resultoume moi gratificante poder ver como os veciños e veciñas de Corcubión falaban sobre as súas relacións co lugar e, sobre todo, ver como imaxinaban de maneira conxunta un futuro posible para o monte. Quédome con moitas ganas de repetir a experiencia. (clara bobillo - Estudante)


>> Unha xuntanza tan produtiva como o monte mesmo. A veciñanza acolleunos de xeito inmellorable trasladándonos a súa memoria do monte e expoñendo os seus pensamentos e obxectos aos nosos micros e cámaras (non sempre acolledores). Para min foi un encontro enriquecedor no que non só aprendín, senón que tamén puiden (puidemos) formar parte da memoria do Monte Cambeiro. O Parlamento das Cousas foi unha nova forma de relación con ese espazo e, polo tanto, unha maneira actual de facer e entender o monte como un lugar de colaboración e intercambio de relatos e saberes." (Uxia López- Estudante)


>> Unha tarde de moita emoción poñendo en práctica, por primeria vez, o Parlamento das Cousas que deseñamos entre alumnado e profesorado. tiñamos moita curiosidade, e certa preocupación, por ver cómo funcionaba, si a xente se animaba a compartir os seus obxectos e memorias, se a choiva permitiría celebrar a actividade no monte... unha  alegría que todo salise mellor do imaxinado e moitas ganas de repetir" (Elvira Santiago - Docente)


>> Foi unha experiencia profundamente enriquecedora que resoou con emocións, recordos e perspectivas diversas. Reuníndonos ao redor de obxectos que evocaban o espírito do monte, mergullámonos nun diálogo que trascendeu o tempo e as xeracións.


Desde a sabedoría arraigada nos recordos de quen creceu entre o balume e aperos do monte ata a curiosidade palpable das xeracións máis novas, os obxectos compartidos contaban historias diferentes segundo fluía a cascada interxeneracional.


O máis notable foi a maneira na que cada xeración abordaba as inquedanzas do presente e do futuro do monte. Os máis novos expresaban preocupación pola conservación ambiental e o impacto humano no ecosistema, mentres que os maiores reflexionaban sobre a evolución da relación entre a comunidade e o seu entorno natural ao longo dos anos.


O experimento interxeracional revelou a riqueza de perspectivas e a diversidade de experiencias que converxen en torno ao monte. Lembrounos que, aínda que as nosas visións poidan diferir, compartimos un vínculo profundo con este espazo que trascende as barreiras xeracionais. Ao final do día, saímos de Monte Cambeiro cun maior entendemento mutuo e un renovado compromiso de preservar e coidar este tesouro natural para as xeracións vindeiras." (Paco Perú – Boca de Sapo)


>> Grazas a Boca de Sapo e a ACHEGA, tivemos a oportunidade de asistir in situ a un espazo de compartición e de diálogo interxeracional en torno ao monte, materializado a través do Parlamento das Cousas. Neste sentido, cómpre tamén estender os agradecementos á propia xente de Corcubión, pola súa disposición aberta, as ganas de falar do(s) seu(s) monte(s) e compartir os seus obxectos, e a acollida que alí nos deron. O que presenciamos o pasado 15 de marzo non foi máis que unha proba da necesidade de darlle voz ao pobo, de fomentar a participación comunitaria e de valorar o coñecemento e as experiencias de cada xeración para construír un futuro máis enriquecedor. (Alejandro Fernández – Estudante)


>> Din que desde o local podes chegar a ser universal, e iso foi o que sentín alí en Monte Cambeiro sentado no círculo de madeira que facía de parlamento. Unha ágora. Unha «universitas». Un «conxunto de todas as cousas» coas que a través da palabra e dos obxectos construírmos a memoria colectiva dun pobo.

As cousas son cousas até que deixan de ser cousas e son memoria e a memoria é o espello do pasado coas que mirarnos para comprender o presente e poder ter futuro.

Memoria, futuro, esperanza e comunidade foron algunhas das palabras que alí se pronunciaron a modo de resumo do que pasou.

Recuperar a memoria. Recuperar a autoestima colectiva. Recuperar o parlamento.

Recuperar a palabra.

Foi unha fermosa cousa o parlamento das cousas. (Álex López – Boca de Sapo)


>> Galiza é un pais rural cunha historia, polo menos no último século, de expropiación acumulativa da cultura e vida en comunidade que diu sentido e forma ao territorio que nos esta desaparecendo. O monte é un exemplo deste proceso de desposesión. Polo tanto facer falar ao monte a través dos obxectos testigo dunha realidade que existiú, facer que os corpos da comunidade que foi e que aínda é fagan de tradutores do que o monte atesoura paréceme un exercicio máxico. Desde azul mais verde habilitar espazos de hospedaxe das linguas e formas da comunidade fronte ás violencias de apropiación das formas de vida paréceme un exercicio fermoso. Como din o pensador decolonial Rolando Vazquez, a ruina é a que nos da o aviso para non esquecer e a esperanza só é posible se somos capaces de recordar. O outro día, desde un territorio en ruinas, enchémonos todas de esperanza. (Maria Bella - Azul mais Verde/Boca de Sapo)




>> Espazo para tesouros con outros formatos. Neste caso unha aportación moi xenerosa do veciño Xabier Paz







bottom of page