Coa idea de preguntarnos colectivamente como se xeran política e culturalmente os espazos naturais, e coa intención de de/volver o monte ao pobo e o pobo ao monte, xunto ao grupo ACHEGA da Universidade da Coruña, propoñemos congregar a memoria do monte, dos seus usos históricos e presentes e das súas xentes, a partir da materialidade dos obxectos que a veciñanza garda ou relaciona coa súa experiencia e vida no monte. Trataremos de arroupármonos co que a xente recorda e narra, cunha memoria que as veces pode ser celebratoria as veces tamén traumática.
Este será un Parlamento das Cousas, da Vida e das Xentes no que queremos facer falar ao monte coa axuda dunha veciñanza transxeracional e plural. A toda esta veciñanza á que estámos pouco a pouco dirixíndonos, solicitamosvos o seguinte:
Escolle unha "cousa” ou “obxecto material" que estea asociado coa túa cultura ou vivencia do monte.
O día 15 de marzo trae este obxecto ata o Círculo de Comunidade do Monte Cambeiro en Amarelle.
Alí estamos a organizar un parlamento onde as cousas que cada quen elixiú serán o centro. Cada persoa terá a oportunidade de mostrar o seu obxecto e compartir co resto a relación entre este, a súa persoa e o monte. Os obxectos, na súa materialidade, teñen o poder de evocar memorias e de convocar emocións. Contan historias, pero sobre todo, animan a quenes mantiveron ou manteñen relacións con eles a reconstruir historias persoais e colectivas.
Para entender mellor o que estamos intentando argallar deixamos aquí un exemplo de escolma de obxecto do noso compañeiro Paco Perú e o que a súa memoria arecorda dese obxecto relacionado coa súa experiencia no monte.
PREMA A FLECHA PARA ESCOITAR
Esta actividade estará conducida por Elvira, Carlos e Jose do grupo de innovación docente ACHEGA e profesores de socioloxía na Universidade da Coruña, así como por algunhas das súas estudantes. Acompañándonos estará o artista colaborador no proxecto Diego Vites e membros da Asociación Boca de Sapo e Azul Máis Verde.
Entre obxectos, corpos e palabras, a memoria do Monte Cambeiro, a memoria de todos e todas, abrirase no presente para imaxinar o seu futuro.
Durante o parlamento haberá tempo para celebrar tamen un albaroque!!
Se queres aportar o teu obxecto e o relato da súa memoria pero non podes vir ao parlamento segue estas indicacións
--
Preguntas e respostas
-Que tipo de obxecto material ou cousa pódese levar?
Pode ser algo tan concreto como un aparello, unha fotografía, unha peza de roupa ou calzado, un documento escrito ou cousas máis abstractas como un artiluxio, un pedazo de algo, un material sen forma, etc. Todo obxecto que nos conecte coa nosa memoria do monte
-Por que queremos convocar a unha veciñanza transxeracional e a quenes estamos convocando para que así sexa?
Esta actividade busca achegarse ao recordo individual da vivencia do monte para construir a memoria compartida e pensar no lugar futuro do monte, cantas máis persoas de idades, sexo, ideoloxía diferentes participen máis completa resultará a proposta.
Temos identificadas en Corcubión tres grupos distintos, aqueles máis maiores que relacionan o monte cos recursos básicos da vida, unha xeración media que viviú o monte como lugar de xogos e a xeración que son rapaces e rapazas hoxe en día que teñen unha memoria distante do monte.
-Quenes son ACHEGA e que tipo de acción é unha Investigación Acción Participativa (IAP)
O Grupo de Innovación Docente de Aprendizaxes Colaborativos, Híbridos e Experimentais de Galicia é un espazo de encontro de propostas e iniciativas de docencia-investigación-acción para analizar ás relacións coa natureza. As técnicas de Investigación de Acción e Participación tratan de comprender a complexidade da realidade e dos asuntos a tratar mediante o diálogo e a colaboración como medio para alcanzar a transformación e o cambio social.
-De onde ven o nome do Parlamento das Cousas?
A noción de Parlamento das Cousas esta tomada de Bruno Latour (1947-2022) que foi un pensador social francés recoñecido polos seus traballos sobre as relacións entre a ciencia a tecnoloxía e a sociedade, dedicado ao estudo da dicotomía natureza - sociedade, e creador da teoría Actor-Rede. Esta teoría considera que as persoas, os obxectos e os discursos teñen que ser consideradas por igual na investigación social. É a través das interaccións entre persoas, obxectos e discursos que nos achegamos á realidade. No seu libro Nunca fomos modernos, propón o Parlamento das Cousas, no que son os obxectos os que exercen o poder da representación.