top of page

Chíos ao Mencer: Escoita colectiva de paxaros

En liña coas propostas que estamos levando a cabo e desde a parte do proxecto que traballa para agrandar a nosa sensibilidade sonora co monte, o próximo Domingo 14 de abril ás 9,30h estamos invitando á veciñanza e resto de persoas interesadas a unha sesión colectiva de escoita de paxaros no monte.



Será unha xornada moi especial na que experimentaremos coa escoita dunha gran sinfonía, o fenómeno coñécese polo “coro do mencer”. Trátase do canto conxunto de paxaros ao comezo dun novo día. En primavera é máis evidente pois os paxaros están a defender o seu territorio de cría, tentan atraer a súa parella ou chaman á bandada.


Desde o ano 1987 este día celébrase a nivel internacional e unha gran cantidade de amantes dos paxaros xúntase o primeiro domingo de maio para desfrutar desta experiencia. Nosoutras, desde Terra Creativa, no Monte Cambeiro, ímonos adiantar algunha semana. Seremos as primeiras deste ano en celebrar a escoita deste memorable canto.


Guiadas polxs biólogxs Elia Pérez e Damián Romay Cousido (ambxs do grupo naturalista Hábitat) comezaremos escoitando a sinfonía de sons dos paxaros ao despertar. Logo haberá tempo para aprender quen son cada un deses habitantes do monte, cal é a súa voz e a súa singulariedade. Para concluir, coa guía do artista sonoro Xoán-Xil de novo no círculo de comunidade, concluiremos a xornada activando a memoria sonora dos e das participantes.


O aforo é limitado a 20 persoas polo que é necesario inscribirse para reservar praza. Escribe a info@azulmaisverde.gal ou ao wasup 655110625.


Esta actividade esta orientada para tódolos públicos a partir de 10 anos.





bottom of page