top of page

Aprendices da sabiduría das prantas


// Foto de benzedeira. Cotesía de Douglas Tróis (reportaxe desenvolto en colaboración con Taisa Lewitzki)


Estamos a comezar a parte do proxecto de Terra Creativa adicada ás prantas que medran no monte como recurso de coidado, alimento e sanación. Ao igual que confirmamos que a rexeneración do Monte Cambeiro esta a supoñer un oasis que atrae unha grande variedade de biodiversidade animal, tamén pasa así coa biodiversidade vexetal.


Coa primavera o monte entra noutra fase. Despois dun outono e inverno abundantes en auga esperamos que veñan días de sol en abundancia. Trala celebración do espertar dos paxaros cos “chíos ao mencer” imos abrindo paso tamén ás formas, cores e propiedades das prantas.


// Herbario de Primavera desenvolto xunto a Doa Oa


Nesta parte do proxecto retomaremos intereses e pesquisas que abrimos anteriormente desde Boca de Sapo mais tamén desde a Universidade Cromática. Cousas como a observación e o recoñecemento de prantas silvestres, afondar no gran recurso estético, alimenticio, curativo, espiritual que é o monte. Tamén no empoderamento especialmente feminino que hai detrás dos saberes e os usos tradicionais das prantas, se cadra como apoio á medicina convencional e como apoio ao fortalecemento das comunidades.


O sábado pasado saudábamos a un grupo de mulleres da comunidade de benzedeiras que forman parte de MASA - Movimento Aprendizes da Sabedoria grazas á mediación da antropóloga Taisa Lewitzki que toma parte e acompaña ó movemento como forma de investigación acción e que é coladora nesta acción que abrimos desde Terra Creativa


// Imaxes tomadas na conexión co grupo de benzedeiras nunha das reunións de intercambio de saberes


// Foto de Taisa Lewitzki visitando a benzedeira. Cotesía de Douglas Tróis (reportaxe desenvolto en colaboración con Taisa Lewitzki)


MASA foi iniciado no 2007 por detentoras e detentores de ofícios tradicionais de saúde popular, chamadas comunmente Benzedeiras, dos territórios da região Centro-Sul do Estado do Paraná para defender as súas prácticas e saberes.


As benzedeiras son as portadoras actuais dun modo popular de cura elaborado históricamente, e que foi repasándose, adaptándose e reformulándose de xeración en xeración. Estímase que existen hoxe no estado do Paraná, aproximadamente 17.000 praticantes da arte de curar e ensinar remedios caseiros, colaborando diretamente para a saúde dos milleiros de persoas en todos os municipios do Estado. As práticas de cura realizadas por benzedeiras remóntanse a antes da chegada dos colonizadores portugueses. (Benzedeiras. Geografando os saberes populares na escola, 2016). A raiz do seu xurdimento está relacionada á mestura de saberes e prácticas indíxenas, africanas, europeas e ás diversas formas de relacionarse coas doencias e prácticas de cura que historicamente se foron modificando ate hoxe.


// Conxunto de fotos de benzedeira de MASA. Cotesía de Douglas Tróis (reportaxe desenvolto en colaboración con Taisa Lewitzki)


A procura das prantas para esta comunidade é esencial, tanto cultivándoas elas mesmas como atopándoas nos territorios nos que se ubican. A introdución do eucalipto de xeito industrial favorecido en Brasil, no que tense convertido no Deserto Verde, descompón a base desta práctica tradicional.


MASA - Movimento Aprendizes da Sabedoria ten avanzado moito camiño na defensa dos seus faceres, logrando que se aprobaran leis municipais que recoñecen e garanten ás Benzedeiras dos municípios o libre acceso ás prantas medicinais e preveen o acollemento das prácticas tradicionais de cura no sistema formal de saúde. Asemade, as súas prácticas foron recoñecidas a nivel estatal como patrimonio cultural inmaterial do Estado do Paraná.


// Foto de benzedeira. Cotesía de Douglas Tróis (reportaxe desenvolto en colaboración con Taisa Lewitzki)


Desde o proxecto de Terra Creativa queremos establecer relacións de intercambio con esta comunidade coa intención de que grazas ao traballo de MASA e da súa construcción de comunidade en torno ás prantas, podamos nós recuperar, aínda que sexa por resonancia, as relacións que tamén houbo coas prantas na cultura e identidade galega.


Desta vez ademáis traballaremos con Doa Oa, artista que no seu imaxinario traballa pola defensa cultural das prantas e contra a súa desaparición e esquecemento. Con ela temos feito desde a Asociación Boca de Sapo e a Universidade Cromática un Herbario de Primavera Verán do Monte Cambeiro, hoxe depositado no CEIP Praia de Quenxe, que esperamos retomar tamén nesta acción.

bottom of page