top of page
Un monte todos os montes
2026

En Galicia, o monte foi historicamente peza central da vida comunitaria: ligado á organización territorial da parroquia, xestionado como propiedade privada colectiva e inalienable, sostén dunha economía de vida común que a industrialización foi esvaecendo.


Un monte todos os montes parte desta realidade para propoñer un desprazamento: pensar o monte non como recurso a xestionar nin como paisaxe a preservar, senón como constelación de territorios concretos atravesados por memorias, prácticas e formas de gobernanza que poden converterse en ferramentas operativas para futuros desexables.


A publica-acción estrutúrase en catro partes que se entrelazan e reforzan entre si:


A primeira explora a acción cultural como espazo posibilitador —a través de proxectos situados como Terra Creativa no Monte Cambeiro de Corcubión, Terra Común coa Comunidade de Montes de Couso en Gondomar, ou Reverdecer nos bosques autóctonos de Galicia— onde a arte e a mediación abren formas de relación co monte que van máis alá do simbólico.


A segunda recolle figuras de gobernanza do territorio: a custodia, os comunais, a litigancia estratéxica e os dereitos da natureza —con experiencias como a Declaración de dereitos do río Tins en Serra de Outes, primeiro recoñecemento deste tipo en Galicia— como instrumentos para potenciar a acción cidadá sobre o monte.


A terceira convoca as memorias das comunidades que resisten xunto ao monte ameazado: desde Ourense, a través do río Bibei en Vilariño de Conso, historicamente embalsado e hoxe ameazado por un novo proxecto hidroeléctrico reversible; pasando pola Costa da Morte no monte comunal da Ruña en Mazaricos; e chegando a Traspielas, en Fornelos de Montes, Pontevedra, onde espertamos a memoria da resistencia contra o vertedoiro e a canteira.


Por último, un ensaio visual entra e sae ao longo da publicación, facendo un convite á observación do monte.


Impulsada por Azul mais Verde Coop. e apoiada pola Fundación Daniel y Nina Carasso, a publicación reúne investigación, creación, mediación e traballo comunitario desde distintos puntos de Galicia. O propio libro, na súa forma e materialidade, ensaia unha práctica de biodiversidade: composición aberta de escalas, ritmos e voces —en galego normativo, popular, reintegrado e portugués— que o lector percorre como experiencia.



FICHA

Título: Un monte todos os montes


Proxecto e dirección editorial: Azul mais Verde Coop.


Textos: Adriele Andrade Précoma · Natalia Balseiro · Lara Barros Alfaro · María Bella · Martiño Cabana Otero · Joám Evans Pim · Susana González · Outonía S. Coop. Galega · Óscar Rivas López · Fran Rodríguez Casal


Ensaio visual: Antonio Nodar


Deseño: Andrés López Estudio


Editor convidado: Roberto Abuín


Apoio e financiamento: Fundación Daniel y Nina Carasso


Distribución: Consorcio Editorial Galego


Páxinas: 264


Impresión: Agencia Gráfica


Prezo: 16€


Contacto: María Bella · mariabellabuschmann@gmail.com ·


DOSIER (Gal)

PRENSA (Gal)

LER primeras paxinas (Gal)

DOSIER (Cast)

PRENSA (Cast)




bottom of page