Tempos para compartir: Espeteiras comunais na area
2025
Tempos para compartir é un proxecto que busca reactivar o imaxinario do común na cultura galega a través da creación de espeteiras comunais nas praias do litoral de Costa da Morte. Inspiradas nas antigas espeteiras das cociñas rurais —mobles modestos para gardar utensilios— estas estruturas de madeira contarán con obxectos de xogo elaborados artesanalmente con materiais naturais fronte ao exceso do plástico e promoverán o uso compartido, o coidado mutuo.
Trátase dunha intervención sinxela, pero cargada de intención: recuperar tempos para compartir dende a tradición, reactivando formas de relación e aprendizaxe colectiva no presente.
O proxecto implica, desde a súa concepción, a persoas con discapacidade como co-produtoras activas, integrando os seus saberes e tempos no proceso de deseño e construción. Esta colaboración busca tamén axudar a situar a estas persoas como axentes culturais, brindando outras formas de facer e de estar xuntas.
Tempos para compartir articula inclusión, memoria e sustentabilidade como eixos para repensar a vida común e os vínculos comunitarios no espazo público, abrindo posibilidades desexables de transformación social a través da cultura.
*Proxecto que se desenvolve co apoio da Deputación da Coruña galardonado no I Certame “Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025”